Con carácter xeral, o traballo presentado polo/a doutorando/a deberá incluír os seguintes apartados. Se o tema e os obxectivos do traballo o aconsellan, admitiranse variacións respecto desta estrutura, sempre que estean debidamente xustificadas.
As seccións marcadas con negriña (obxectivos, metodoloxía, medios e planificación temporal) son estritamente obrigatorias e deberán incluírse en calquera caso:
- Título.
- Resumo. Descrición breve (unhas 200 palabras) dos obxectivos do proxecto e a metodoloxía empregada para o seu desenvolvemento en galego, español e inglés.
- Índice paxinado [do plan de investigación].
- Antecedentes e estado da cuestión. Descrición concisa do estado actual de coñecemento do tema, incluíndo as referencias bibliográficas máis relevantes.
- Hipóteses do traballo. Problema ou argumentación que se quere responder, estudar ou analizar.
- Obxectivos que se pretenden acadar, finalidade e metas concretas do estudo. Cómpre discriminar entre obxectivos xerais e/ou específicos.
- Metodoloxía: Definición dos conceptos máis relevantes para o traballo e introdución epistemolóxica, ferramentas de análise, métodos e procedementos de obtención, análise e tratamento de datos, variables concretas da investigación e, se proceder, criterios de selección dos suxeitos e/ou da elaboración ou selección do corpus, limitacións metodolóxicas do estudio, etc. (este apartado debe facerse coa máxima explicitación posible).
- Esquema xeral (posible estrutura en capítulos e principais epígrafes do traballo que se vaia realizar).
- Medios e recursos dispoñibles ou dos que se vai dispor.
Esta sección pode incluír os seguintes subapartados:
a. Centro/s de realización e grupo/s de investigación no/s que se desenvolve a tese.
b. Estadías programadas noutros centros de investigación.
c. Recursos materiais: infraestrutura (centros ou laboratorios onde se desenvolve o estudo), aparatos, material funxible.
d. Financiamento (se for pertinente, indicarase se o estudo se realiza con cargo a un proxecto ou conta con outra fonte de financiamento. Tamén se sinalará se o estudante dispón dalgunha bolsa ou contrato, especificando a convocatoria e duración da mesma, así como o organismo que os financia).
e. Outros recursos.
- Planificación temporal
a. Plan de traballo, para alcanzar os obxectivos da tese. Incluirase un cronograma do tempo total aproximado que durará a elaboración da tese (3 anos TC, 5 anos TP).
b. Planificación doutras actividades que se pretenden desenvolver nos estudos de doutoramento.
- Outros aspectos (opcionais).
- Referencias bibliográficas dos estudos citados no traballo e (en sección á parte) daquelas referencias bibliográficas que se consideran fundamentais para a elaboración da tese.
- Anexos. Pódense incluír ao final do traballo documentos, mostras de datos recollidos, análises preliminares, etc., que permitan avaliar con precisión o traballo desenvolvido e o estudo que se pretende realizar.
Na primeira páxina deberán figurar os datos identificativos do plan e o visto e prace do titor e o director.
A memoria terá unha extensión total aproximada de 15-20 páxinas (sen incluír a bibliografía nin os anexos) e deberá axustarse ás normas de estilo que se detallan no anexo ou, alternativamente, ás normas de estilo de uso habitual en publicacións de Lingúística.
Lémbrese que o plan de investigación debe fornecer unha idea moi clara, precisa e concreta do que se pretende desenvolver na tese de doutoramento e de como se pensa levar a cabo.
Para o rexistro nos sistemas de xestión administrativa, existen formularios específicos creados polo negociado de doutoramento de cada Universidade e que deben cubrirse obrigatoriamente na respectiva secretaría virtual.