Estrea e proxección do documental MESTRE FERRADOR

O  sábado, día 5 de marzo, vai ser proxectado o documental “Mestre ferrador” na Casa da Cultura da Cañiza ás 20 h. Trátase dun traballo que xurdiu a partir das entrevistas que Fernando Groba Bouza, doutorando do programa de doutoramento en ESTUDOS LINGÜÍSTICOS, tivo que facer para a súa tese.

O vídeo é unha entrevista-documental de 40,25 min que narra a vida e a arte do ferrador Antonio Pérez Gregorio da Cañiza (Pontevedra) no seu propio taller de traballo. El mesmo, con case 94 anos, relata a súa dilatada experiencia como ferrador desde os 14 aos 88 anos (momento no que falece a súa muller). Conta, dende a súa puída e ben experiente técnica de ferraxe, a súa vida militar como ferrador, analiza as diferenzas entre as ferraduras que facía el (incluso as ortopédicas) ás que se facían ou fan de forma industrial, os problemas e virtudes dos cascos dun cabalo de Pura Raza Galega, ata o funcionamento e partes da fragua e do potro.

O documental será presentado no acto de entrega do Petelo de Ouro ao mesmo Antonio Pérez Gregorio, unha distición honorífica do Concello cañicense que trata de condecorar un persoeiro cunha traxectoria vital e profesional verdadeiramente destacable. Ademais, tamén vai ser nomado Cañicense Exemplar, algo que aínda non sucedera. Un recoñecemento que, segundo din os responsables desta institución, é incluso maior.

O Concello da Cañiza difundirá e facilitará un exemplar do documental a todas as persoas que estean interesadas de forma gratuíta.


Datos técnicos:

Lugar: A Cañiza

Data: 09/03/2015

Dirección, produción e guión: Fernando Groba Bouza e Antón Vázquez Corral

Edición e montaxe: Óscar Moreira

Produción executiva: Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga)

Duración: 40,25 min.

Depósito Legal: VG 149-2015