gl | es | en
Actividades Formativas | Programa de doutoramento Estudos Lingüísticos

Actividades Formativas

Nesta sección descríbense as actividades formativas do programa de doutoramento. Nalgúns casos serán organizadas desde o mesmo e noutras poderán recoñecerse cursos ou outras accións promovidas por outras universidades ou centros de investigación. Cada alumna ou alumno fará a súa particular selección, con axuda do seu comité titor, en función do seu plan de investigación.

Seminario introdutorio

Unha vez finalizado o proceso de admisión no programa de doutoramento, haberá un seminario de curta duración (ó redor de 10 horas) no que se presentarán as liñas de investigación do programa e explicaranse cuestións de tipo organizativo. Servirá como unha primeira toma de contacto entre estudantes de novo ingreso e investigadores do programa.

Seminarios de formación avanzada

Terán unha duración de 20 horas e versarán sobre temas de investigación que se estean desenvolvendo desde os diferentes grupos de investigación que teñen vinculación co programa.

Como norma xeral, cada estudante cursará obrigatoriamente un mínimo de dous seminarios deste tipo durante os dous primeiros anos.

Grupos de discusión

Son reunións periódicas de estudantes de doutoramento, supervisadas en cada caso por polo menos un docente e con asistencia doutros profesores do programa, para intercambiar ideas e discutir problemas, a partir de lecturas previas comúns ou de presentacións realizadas polos mesmos estudantes ou por algún investigador invitado.

Como norma xeral, cada estudante participará obrigatoriamente nun mínimo de dous grupos de discusión durante os dous primeiros anos.

Cursos de formación transversal

Versarán sobre técnicas e ferramentas de investigación, tales como o acceso á documentación, estatística, programación, idiomas, etc. Terán unha duración de 20 horas, salvo os cursos de idiomas, que serán de 30 horas.

Como norma xeral, recoméndase que cada estudante curse un mínimo dun curso deste tipo durante o primeiro ano.

Realización de estadías de investigación

Recoméndase realizar unha estadía cun grupo de investigación que desenvolva algunha liña de traballo relacionada co tema da tese, ou que permita desenvolver algunha técnica necesaria para a súa culminación. O lugar e a duración da estadía dependerán de cada caso particular e decidiranse de acordo co comité titor.

Contribucións científicas

Os resultados da investigación serán presentados nalgún congreso ou reunión científica. Como alternativa tamén poderá publicarse un artigo de investigación nalgunha revista especializada, ou ben un capítulo de libro, seguindo os estándares habituais de calidade neste tipo de publicacións.

Defensa do plan de investigación

Durante o primeiro cuadrimestre, contado a partir da admisión no programa, cada estudante deberá elaborar un plan de investigación, que deberá conter o estado da cuestión, a metodoloxía e as fontes de información máis importantes. Este plan será defendido publicamente ante unha comisión.

 

Consulta: Tipos de actividades, carácter obrigatorio ou optativo, e número mínimo de horas esixidas