gl | es | en
Facer unha tese | Programa de doutoramento Estudos Lingüísticos

Facer unha tese

Que hai que saber para empezar?

Hai que ter unha base de coñecementos sobre a linguaxe e as linguas equivalente a un nivel de mestrado ou a un diploma de estudos avanzados (DEA). No caso de que estes coñecementos non poidan ser acreditados totalmente, a admisión poderá estar condicionada á realización de determinados complementos de formación.

O proxecto

Unha vez completado o proceso de admisión, o primeiro cuadrimestre centrarase na elaboración dun proxecto de tese. Para iso revisarás o que se publicou sobre o tema que elixises (isto chámase “o estado da cuestión”), co fin de establecer o teu punto de partida. Ademais, deseñarás unha metodoloxía e faraste unha idea de cales van ser as túas fontes bibliográficas máis importantes, así como a mostra de datos (o “corpus”), no caso de que o haxa. Este proxecto terá que ser presentado e defendido ante unha comisión avaliadora.

Dirección e titorización

A tese é un reto persoal e mostra a capacidade de quen a fai para interpretar datos e elaborar posibles explicacións aos fenómenos estudados. No entanto, terás un director ou directora que te acompañará na tarefa. Ademais, outra persoa (integrante do equipo programa de doutoramento) asesorarate á hora de tomar as decisións adecuadas para completar a túa formación en consonancia coas liñas do programa e os obxectivos particulares da investigación. A estas dúas persoas unirase unha terceira para completar un comité titor que se responsabilizará, durante o tempo que dure a realización da tese, de supervisar periodicamente as tarefas de investigación.

Unha estadía no estranxeiro

Unha boa forma de darlle un impulso á investigación é pasar unha tempada nunha universidade ou centro de investigación do estranxeiro, no medio dun equipo de investigación que permita completar ou ampliar a perspectiva sobre o tema de tese e proporcione técnicas de análises coas que non tiveramos a ocasión de traballar. O programa de doutoramento de Estudos lingüísticos conta con interesantes colaboracións no exterior das que te poderás beneficiar.

Canto tempo me vai levar?

Tres anos con dedicación a tempo completo, ou cinco a tempo parcial.