gl | es | en
Titorización | Programa de doutoramento Estudos Lingüísticos

Titorización

O traballo de cada doutoranda ou doutorando do programa será supervisado por un Comité Titor formado por tres persoas entre as que se inclúen o titor e o director (e, no seu caso, co-director).

O titor

A admisión definitiva dun doutorando nun programa de doutoramento implica a asignación dun titor ou titora, designado pola CAPD de entre o profesorado adscrito ao programa con vinculación permanente coa Universidade (véxase a lista de profesorado do programa).

Con carácter xeral, o titor terá como labores:
(i) velar pola interacción do doutorando coa CAPD e, conxuntamente, co director da tese:
(ii) velar pola adecuación ás liñas do programa, da formación e da actividade investigadora do doutorando
e (iii) orientar o estudante nas actividades docentes e de investigación do programa.

O director

No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a CAPD asignaralle a cada estudante de doutoramento un director ou directora de tese.

Esta persoa será a máxima  responsable da coherencia e idoneidade das actividades de formación, do impacto e novidade no seu ámbito da temática da tese de doutoramento e da guía na planificación e a súa adecuación, se é o caso, doutros proxectos e actividades nas que se inscriba o doutorando ou doutoranda.

Poderá ser director da tese calquera doutora ou doutor español ou estranxeiro, con acreditada experiencia investigadora, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos.

Enténdese por «acreditada experiencia investigadora» o feito de ter recoñecido, polo menos, un sexenio de  actividade investigadora ou, alternativamente, o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos no artigo 10 dos Regulamentos de estudos de doutoramento da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo.

Comité titor

O programa de doutoramento Estudos Lingüísticos establece especificamente que cada estudante matriculado no programa contará cun comité titor que o guiará no desenvolvemento de toda a súa tese, e avalará os avances nos traballos da tese con periodicidade anual.

O comité titor estará formado polo director, o titor e unha terceira persoa que será un experto ou experta de recoñecido prestixio que cumpra coas condicións requiridas para ser director de tese e que pertenza a unha institución nacional ou internacional.

Entre as funcións do comité titor estará a de acordar as actividades formativas segundo as necesidades de formación do doutorando, e a revisión e avaliación periódicas dos progresos na investigación.

GUIA DE BOAS PRACTICAS PARA A DIRECCIÓN DE TESES DE DOUTORAMENTO