Por que facer un doutoramento?

O doutoramento é a titulación universitaria de máis alto rango. Demostra que a persoa que o ten domina o tema concreto sobre o que fai a tese. Ademais, o seu traballo de investigación fornece algo novo ao coñecemento.

Para que serve?

  • É o pasaporte para facer unha carreira investigadora, nunha universidade ou nun centro de investigación.
  • Permite o acceso a postos de docencia e investigación en todas as universidades do mundo.
  • O traballo que implica facer unha tese mostra unha capacidade intelectual e de toma de decisións cada vez máis necesaria no mundo empresarial

Por que facer un doutoramento en lingüística?

Como nos comunicamos? Cal é a relación entre a linguaxe e o pensamento? Que é o que fai que cambien as linguas? Por que hai tantas linguas no mundo? Se posúes unha formación lingüística, e ademais te fas preguntas coma estas, sen dúbida tes un sitio no noso programa de doutoramento. Poderás contribuír co teu traballo de investigación a avanzar na complexa resposta a estas cuestións e outras semellantes.

Cales son as vantaxes do programa de doutoramento de Estudos Lingüísticos?

Somos un equipo humano cunha capacidade formativa demostrada polas teses que xa diriximos e as que agora están en curso baixo a nosa responsabilidade. Sen dúbida atoparás algún tema do teu interese entre a diversidade de liñas de investigación que temos. Ademais, as universidades de Vigo e A Coruña proporcionaranche recursos materiais de grande interese, en particular no tocante ao acceso ás fontes de información. Ofrecémosche tamén a posibilidade de realizar estadías no estranxeiro beneficiándote da colaboración que mantemos con grupos de universidades estranxeiras en países como Bélxica, Brasil, Francia ou Portugal.

Cal é o perfil de ingreso recomendado?

O perfil corresponde ao daquelas persoas que desexen realizar a súa tese de doutoramento no ámbito da lingüística ou das linguas galega, portuguesa ou española, así como a lingua de signos española (LSE) ou mesmo no ámbito dalgunha outra lingua. O programa será de interese tanto para o alumnado nacional como para o estranxeiro. Posto que as universidades organizadoras presentan unha posición estratéxica para ofrecer estudos sobre español, galego e portugués, os estudantes lusófonos poden atopar no programa de doutoramento Estudos Lingüísticos unha excelente opción para desenvolver a súa investigación.